|
Debuxo dunha persoa de raza negra en cadeira de rodas que se dispón a entrar nunha aula |
O pasado 21 de decembro publicouse o decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.
Estábase esperando a publicación deste decreto e xa, días antes da súa publicación, coñecíase na súa integridade. Consta de 9 capítulos divididos en 46 artigos, 3 disposicións adicionais, 1 disposición derrogatoria e 2 disposicións finais. Os artigos están encabezados como: Disposicións xerais, Actuacións e medidas de atención á diversidade, Escolarización, Promoción da escolarización e da formación, Alumnado con necesidade específica de apoio educativo, Recursos, Participación e coordinación, Formación, innovación e mellora da calidade e Seguimento e avaliación.
Resumimos:
- No primeiro capítulo defínese a atención á diversidade que abrangue á totalidade do alumnado, quen deberá contar coas medidas e recursos educativos que respondan ás súas necesidades e características persoais. Proponse a participación de entidades sen ánimo de lucro, entre outras. Esta última cuestión ten un perigo que radica que o traballo a realizar por profesionais sexa realizado por ONGs ou o voluntariado cun deterioro da calidade, entre outras cousas.
- No segundo capítulo, dividido en tres seccións: Actuacións, Medidas e Plan xeral de atención á diversidade, hai varias cuestións a destacar.
No referido ás actuacións abógase por unha equilibrada escolarización dos alumnos nos centros sostidos con fondos públicos –debería poñer públicos e privados- que é moi difícil de levar a cabo se non hai mecanismos de control, cargando, coma sempre, os centros públicos con case toda a carga da atención á diversidade.
Exponse tamén a necesidade da promoción da accesibilidade universal, da transición á vida laboral. Respecto a isto só recordar que son moitos os centros que aínda no son accesibles e que a saída laboral destes alumnos é, prácticamente, inexistente; claro está que isto é máis un problema social que educativo.
Outra cuestión tratada neste capítulo e a formación do profesorado e a súa participación en actividades de innovación. Isto sen recursos e sen un cambio en como está agora deseñada a formación será unha tarefa moi difícil.
Na sección que trata das medidas ordinarias e extraordinarias chama a atención que se ubica dentro das últimas as modificacións nos elementos de acceso ao currículo . . . .. Isto é algo sorprendente que non teño visto en ningún manual de pedagoxía ou normativa.
Na terceira sección deste artigo exponse a necesidade de que os centros –departamentos de orientación- elaboren un Plan xeral de atención á diversidade.
- No capítulo terceiro, dedicado a escolarización, destaca que o alumno en educación secundaria en ningún caso se poderá permanecer en educación secundaria obrigatoria máis alá do ano natural no que se cumpran os 19 anos, agás en unidades ou centros de educación especial, que poderá prolongarse ata o ano natural no que se cumpran os vinte e un de idade.
Nos centros de educación especial o límite será de 15 anos nas unidades dos centros ordinarios de educación primaria e de 21 anos nos de educación secundaria obrigatoria, cumpridos, en ambos casos, no ano natural no que remata o curso escolar.
Neste artigo hai algo positivo que é que os centros de educación especial poderán constituírse como centros de recursos específicos, poñendo a disposición dos centros ordinarios os materiais e recursos de que dispoñen, centralizando os recursos máis especializados e exercendo os labores de asesoramento e atención ambulatoria que se determinen. Igualmente, fomentarán o intercambio de experiencias e a difusión de boas prácticas docentes. Olvídase das persoas con rica experiencia na atención a diversidade, experiencia que non se pode transmitr nun relatorio dun curso.
- O capítulo IV trata da promoción da escolarización e da formación. En xeral vexo este capítulo moi, moi positivo. O simple feito de que cuestións como as reguladas neste capítulo estean presentes xa é bastante positivo. Estas cuestións son:
O absentismo escolar.
Abandono e desescolarización.
Atención educativa hospitalaria e domiciliaria.
Alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal.
Alumnado sometido a medidas de protección e tutela.
Alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar.
Alumnado pertencente a familias itinerantes.
Alumnado procedente do estranxeiro e
Atención educativa a xoves embarazadas.
- No capítulo V defínese ao alumno con necesidade específica de apoio educativo da maneira xa coñecida: Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar. Tamén se tratan a avaliación psicopedagóxica e o ditame de escolarización.
- O capítulo VI está dedicado aos recursos. En xeral, pódese ler que os centros contarán cos recursos humanos e materiais que se precisen. Todas as persoas que nos dedicamos á atención á diversidade sabemos da importancia dos recursos de todo tipo e que non abonda coa boa vontade senón que ese futuro (dotará, establecerá, será) que é imperfecto non se convirta en hipótetico ou o que é peor en futuro imposible. Nesta época de crise, todos puidemos comprobar onde se aplican os recortes.
Non nos parece acertado que o número dos profesores de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe estean en función do número de unidades. Cremos que é máis axeitado que o seu número estea en función das necesidades. Segue sen estar contemplado o profesor de AL nos centros de secundaria.
- No capítulo VII destaca a promoción da coordinación intercentros e a colaboración de pais e titores na avaliación inicial do alumno. Cremos importante que se regule esta cuestión ante a súa posible colisión coa Lei de Protección de Datos.
- No capítulo VIII destaca a inclusión do plan xeral de atención á diversidade nos plans de formación do profesorado. Comprendemos que estes decretos sexan máis declaracións de intencións que normativas que regulen polo miúdo os obxectivos propostos, pero a formación do profesorado precisa dun cambio total en formación inicial, formación en exercicio nos centros de formación e nos centros educativos. Tamén cremos que as prácticas de educación inclusiva e as innovacións neste eido deben ser impulsadas, mesmo, incentivadas dalgún xeito.
- No capítulo IX afírmase que o seguimento e a avaliación dos diferentes proxectos, plans e/ou programas constituirán os procesos básicos no axuste e na mellora da atención á diversidade, polo que todos eles deberán establecer o procedemento, a temporalización, os indicadores e as persoas responsables deses procesos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario