A escolarización en centros ordinarios de escolarización preferente de alumnos con discapacidade de tipo sensorial ou motor obedeceu, tradicionalmente, á necesidade de concentrar as axudas ou servizos en determinados centros. Tamén cando se escolarizou a estes alumnos en centros ordinarios se fixo en torno a uns principios organizativos: normalización, integración, individualización e sectorización. O colectivo de alumnos con parálise cerebral é un dos que mais despregue de medios necesita para lle dar unha boa resposta educativa ás súas necesidades. Sen embargo, a posibilidade de escolarizar aos alumnos en centros preferentes pasou de ser unha opción a ser unha práctica demasiado estendida, propiciando a concentración de alumnos con discapacidade nuns poucos centros, fomentando a segregación e creando unha situación difícil de conciliar cos principios a que facíamos referencia e deturpando a súa verdadeira esencia, invocando a atención máis especializada e os recursos persoais, materiais e técnicos extraordinarios. Tal cousa non acontece así.
Na actualidade moitas das axudas materiais que antano eran extraordinarias, mesmo, raras -por exemplo, as informáticas- son xa de uso corrente en todos os centros por unha banda; e pola outra, un taboleiro de comunicación pódese despregar en calquera centro. Se se cumpre a lei vixente, todos os centros educativos deberían ser accesibles, polo que tampouco debe esgrimirse as ramplas ou os ascensores como elementos decisivos; a ausencia de barreiras físicas está moi ben, pero mellor estaría a ausencia de barreiras mentais. As axudas do persoal especializado, en moitos casos, non existe ou é a mesma que se dá nos demais centros ordinarios. Por iso, a escolarización dos alumnos con parálise cerebral en centros de escolarización preferente, en moitos casos, non está, en absoluto, xustificada.
Polo que a Galicia se refire, di unha das disposicións adicionais da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras: A Administración autonómica promoverá campañas informativas e educativas (a negriña é nosa) dirixidas á poboación en xeral, co fin de a sensibilizar no problema da accesibilidade e da integración das persoas con limitacións. Pois comecemos pola nosa propia casa e, tamén, restrinxamos de paso a política que leva aos ditames de escolarización a proferir, recomendar e/ou impulsar a escolarización destes alumnos lonxe do seu contorno inmediato.
No hay comentarios:
Publicar un comentario