Debuxo de cabeza con engranaxes, un deles separado
e con textura de pezas de crebacabezas de cores
|
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Fundación María José Jove colaborarán na realización dun Proxecto para o diagnóstico xenético en nenos e adolescentes con autismo, déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e trastorno obsesivo compulsivo (TOC) en Galicia.
O estudo enfócase ás posibles causas xenéticas destes síndromes. Desde a Consellería de Sanidade afírmase que Galicia presenta unha situación privilexiada dentro do panorama nacional ao dispor da Fundación de Medicina Xenómica como un dos centros de xenotipado (proceso de determinación da información xenética que posúe un organismo) de España.
Isto fai posible a utilización destas novas tecnoloxías xenómicas para desenvolver un proxecto que se realiza de forma conxunta con psiquiatras e psicólogos do SERGAS (acrónimo do Servizo Galego de Saúde), coa Fundación Galega de Medicina Xenómica e a Fundación María José Jove. O obxectivo é atopar algúns dos xenes responsables destes problemas para poder entendelos e poder enfocar mellor a súa abordaxe terapéutica e o seu manexo, segundo palabras de Rocío Mosquera, Conselleira de Sanidade.
O desenvolvemento do proxecto sustánciase nos distintos centros hospitalarios onde se recollerán as correspondentes mostras que se enviarán á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que realizará unha análise das causas xenéticas destes síndromes mediante un estudo de asociación xenética das mostras. Neste sentido, recolleranse mostras de 300 casos de déficit de atención e hiperactividade, 100 casos de trastorno obsesivo compulsivo e 200 casos de autismo, aproximadamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario