Cadeira de rodas miniatura sobre unha man |
O obxectivo desta lei
é garantirlles ás persoas con discapacidade a igualdade de oportunidades en
relación coa accesibilidade universal e co deseño para todos respecto dos
contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como en relación cos
obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, de modo que estes se
fagan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas, en
igualdade de condicións de seguridade e comodidade e do xeito máis autónomo e
natural posible.
Fundaméntase en oito
principios: a) Accesibilidade universal, b) Deseño para todas as persoas, c)
Inclusión social, d) Igualdade de oportunidades, e) Vida independente, f)
Diálogo civil, g) Normalización e h) Transversalidade das políticas en
materia de discapacidade.
A lei define a
accesibilidade como o conxunto de
características que teñen que reunir os contornos, procesos, produtos e
servizos, así como os obxectos e instrumentos, as ferramentas e os
dispositivos, para seren comprensibles e utilizables por todas as persoas en
condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural
posible. Tamén define outros conceptos como accesible, axustes razoables, barreiras arquitectónicas, na
comunicación e actitudinais, deseño para todas as persoas, espazos públicos
organizados, espazos libres públicos, itinerario peonil, medidas de apoio
(produtos, persoais e animais), mobiliario
urbano, obras de ampliación, modificación ou rehabilitación, obra de nova
construcción, discapacidade (física
incluíndo a orgánica, sensorial, intelectual e mental), persoas con mobilidade reducida, transporte público, uso residencial de
vivenda, discriminación directa, discriminación indirecta, discriminación por
asociación e acoso.
O ámbito de
aplicación abrangue:
a) Espazos públicos
urbanizados, infraestruturas e edificación.
b) Transportes.
c) Telecomunicacións
e sociedade da información.
d) Bens e servizos á
disposición do público e relacións coas administracións públicas.
O capítulo primeiro do título primeiro está adicado ás
disposicións sobre as condicións de accesibilidade para o acceso e a
utilización dos espazos públicos urbanizados.
O capítulo
segundo adícase ás disposicións sobre
accesibilidade na edificación. Este capítulo, para nós é especialmente
importante, sobre todo no que se refire aos edificios públicos, onde as persoas
con diversidade funcional acoden ao médico, estudan ou tratan de resolver os
seus problemas cotiáns, entre outras actividades tamén importantes. Segue a
haber edificios de titularidade pública sen ser accesibles; así podemos
encontrar centros de educación que escolarizan alumnos con diversidade
funcional motora sen ser totalmente accesibles; se non conseguimos isto tan elemental
os outros aspectos da accesibilidade serán exquisiteces. Os edificios públicos
que non son accesibles deben reformarse, do contrario esta lei será pouco
crible.
O terceiro capítulo
trata das disposicións sobre accesibilidade no transporte. O transporte público
segue a ser pouco accesible a día de hoxe. As persoas con problemas de
mobilidade por discapacidade física, sensorial ou doutro tipo ou por calquera falta
de autonomía deberían contar con tarxeta de accesibilidade para lles garantir
os beneficios a que teñen dereito e o recoñecemento desa discapacidade.
Os artigos 34 e 35 do
capítulo cuarto expoñen as disposicións sobre accesibilidade na comunicación
con referencia á accesibilidade dos sistemas de comunicación e sinalización e á sociedade
da información e das telecomunicacións.
O capítulo quinto
regula o coñecido símbolo internacional da accesibilidade que debe ser conforme
á norma internacional ISO 7000, que
regula unha figura en cor branca sobre fondo azul Pantone Reflex Blue.
O capítulo sexto
refírese ao acceso aos bens e servizos á disposición do público e relacións
coas administracións públicas.
O título segundo cun
único capítulo fai referencia ás medidas e instrumentos de control.
No capítulo primeiro
do título terceiro exponse o réxime sancionador para as infraccións e as
sancións. As infraccións serán sancionadas con multas que irán desde un mínimo
de 301 euros ata un máximo de 1.000.000 de euros.
O título sexto
presenta as funcións e funcionamento do Consello Galego para a Promoción da
Accesibilidade e a Supresión de Barreiras. Comisión Técnica de Accesibilidade.
As leis poden ser
boas, malas ou regulares, esta parece completa. Pero o máis definitivo é a
vontade de facela cumprir e dotar cos medios precisos aos que a teñen que facer
cumprir.
Hai aspectos da lei
que se non se desenvolven con normas axeitadas e os orzamentos necesarios pois
o único que se logra é que quede moi bonito. A xeito de exemplo temos o asistente
persoal. Dentro das medidas de apoio, que son aquelas que actúan como
intermediario entre o contorno e a persoa con discapacidade, que lle permiten
mellorar a calidade de vida e/ou incrementar a autonomía persoal temos o
asistente persoal, algo que ven demandando o colectivo hai tempo, pero que non
acaba por consolidarse. A lei defíneo como a persoa preparada para a mobilidade
das persoas con discapacidade. Eu coido que as súas funcións son máis extensas.
Isto abondaría na consecución dunha verdadeira
vida independente e nunha maior desinstitucionalización da discapacidade.
Por outra banda,
neste intento por fixar os conceptos hai un que, especialmente, non me gusta, Discapacidade intelectual: funcionamento intelectual inferior á media
da poboación, con perturbacións na aprendizaxe, na maduración e no axuste
social. Iso de inferior á media soa bastante artificioso e vacuo.
En xeral parece unha
lei moi completa, o mellor de todo sería que se cumprise e que houbese unha
mellor disposición dos xestores públicos responsables de edificios, vías,
xardíns, tecnoloxías, servizos, etc. para levar a cabo esta norma e que as persoas con
diversidade funcional encontrasen no día a día elementos accesibles e, sobre
todo, usables.
No hay comentarios:
Publicar un comentario