Páginas

viernes, 25 de febrero de 2011

Sen barreiras? ou O incrible caso da accesibilidade minguante

Estiven dubidando que título poñerlle a esta entrada da bitácora. “Sen barreiras” fai referencia a un apartado do sitio web do Concello de Lugo onde se promociona a accesibilidade da cidade e “a accesibilidade minguante” é un arremedo do título de aquela película de Jack Arnold, O incrible home minguante, onde o protagonista vese arrodeado dunha néboa radioactiva e comeza a minguar ata se converter nun ser duns dous centímetros.
Pictograma de ARASAAC con un aseo adaptado e sinal de prohibido

Algo así debeu pasar coa accesibilidade en Lugo. O martes pasado unha persoa con diversidade funcional de tipo motor, acompañada doutra persoa axudante, buscaban un aseo adaptado. Pois ben, segundo a páxina web Lugo Accesible, hai tres aseos adaptados: dous dentro da muralla (Prazas Maior e de Santo Domingo) e un fóra dela (Praza da Milagrosa). Estas persoas, que estaban dentro da muralla, foron primeiro a un e despois ao outro e ámbolos dous estaban pechados, porque están abertos, supoñemos, ata algunha hora antes das 15 h. que foi cando foron eles. Se vostede precisa usar o aseo debe facelo antes desa hora porque estará cerrado.
Pode haber algún lector ou lectora desta bitácora que queira desculpar esta situación que se produciu con calquera razoamento. Pero, coido que é inadmisible, porque o Concello de Lugo recibíu en 2007 o Premio Raíña Sofía de accesibilidade universal. Para ser merecerte deste premio hai que adaptar os espazos públicos a tódalas persoas que viven ou visitan o concello e o compromiso de mantelos. Entre os criterios xerais para a valoración de cara a ser premiado está o garantir a accesibilidade a todas as persoas incluindo nisto, coido eu, que unha persoa con discapacidade física poida ouriñar ás 15 horas.
Non sei se a Lugo lle invadiu unha néboa radioactiva e as actuacións de accesibilidade desmedraron, pero o que debe quedar claro é que un ten que mexar cando lle veñen as ganas e non ter que buscar o abeiro dun canellón.
Enlaces:
A Lugo Accesible

No hay comentarios:

Publicar un comentario